ASOCIACIÓN PROXECTO MÁSCARAS (APM)

“Que algo sexa unha excepción non implica que sexa excepcional senón, simplemente, que encerra unha oportunidade”. Esa é a firme convicción sobre a que se apoia a Asociación Proxecto Máscaras (APM). O seu obxectivo é fomentar a educación e a participación e a integración da diversidade no espazo público. Tamén loitan por romper os estereotipos sobre a “normalidade” e as capacidades das persoas. Todo iso contado a través do audiovisual.

Dende esta entidade conciben o audiovisual e o ocio como unha valiosa ferramenta para narrar historias, emocionar, dar voz, documentar, relatar e educar. Proba diso é todo o repertorio de pezas que levan feitas, entre as que se atopan a curtametraxe Calcetin(e)s; a longametraxe de non-ficción Máscaras, que despois daría nome á asociación ou a sitcom de humor Na vida pública.

A orixe de Máscaras

Todo comezou en 2009, e tres anos e 200 horas de gravación despois naceu “Máscaras, a historia dun reto”. Unha longametraxe de non-ficción de 90 minutos que segundo explica o seu director, Iago González, “non serven para recollelo todo, pero si para poder explicar en pantalla en que punto un grupo de persoas, coas súas distintas capacidades, poden asumir a responsabilidade de sacar algo adiante: facer seu o reto”.

Así, dende APM indican que este filme acabou converténdose nunha ferramenta pedagóxica para achegarnos a unha realidade coa que convivimos día a día pero na que non afondamos. Unha realidade que moitas persoas ven dende a distancia, “dende un non saber como enfrontarse”, afirman.

O humor como ferramenta de inclusión

A sitcom é unha maneira de mostrar a realidade e o día a día de persoas diversas, rompendo estereotipos e fuxindo dos enfoques condescendentes a través do humor, que pode ser unha excelente ferramenta para a integración. “O humor non consiste en, por exemplo, se eu estou en cadeira de rodas, rirme de min mesma. Consiste en trasladar o humor á sociedade, ata que ti mesmo te sintas ridículo dentro da túa normalidade. Porque non hai ninguén normal”, explican Isabel Iglesias e Iago González, secretaria xeral e presidente da asociación respectivamente.

Isabel e Iago, que ademais son guionistas e codirectores, aseguran que “o que supostamente chamamos normalidade constrúese por propio negacionismo, e esa suposta normalidade son unha minoría absoluta. Aínda así seguimos falando de inclusión con respecto a esas minorías”.

Critican tamén os prexuízos que habitan na nosa sociedade: “Hai persoas que ti velas, e só te quedas con que van en cadeira de rodas. A ninguén se lle ocorre pensar a que se adican profesionalmente. De calquera outra persoa enseguida pensamos en que traballará… pero se vai en cadeira de rodas non te plantexas iso. E iso é o que nós intentamos romper, en parte co humor”, din.

Sempre con ese humor como base, na Sitcom trataron temas como a aprobación do dereito ao voto de persoas con discapacidade intelectual. Francisco Javier Carreira, arquitecto e actor desta serie, asegura que para el foi unha experiencia moi gratificante: “O ambiente é moi lúdico, é case coma un xogo con moitos participantes”.

Coincide con el a súa compañeira de rodaxe Mireya Delgado, máis coñecida como a Koala, que se sinte “alegre e contenta” de ter participado. A ela o que máis lle prestou non foi só interpretar, que tamén, senón estar con seus compañeiros. “Gustoume moito polo ben que nos relacionabamos e nos axudabamos”, conta.

Para Juan Ramos, outro compañeiro de reparto, o mellor foi “ver como desde o esbozo das primeiras reunións vaise dando forma a un guión definitivo, e logo ver a obra final na estrea”. Máis alá de todo o que aprendeu sobre cine, Juan destaca outras aprendizaxes: “Pese a ter coñecementos sobre diversidade funcional e sobre a inclusión tanto no académico como no mundo laboral, esta experiencia fíxome moito máis consciente das dificultades que presentan na súa vida cotiá e como estas pasan desapercibidas para unha gran parte da poboación”.

O Reflexo da Tartaruga

Juan Ramos
Fran
Mireya Delgado, la Koala

Este ano traballan no “Reflexo da Tartaruga”, un proxecto co que queren documentar todo o proceso que iniciaron no 2009 e ao que se foron sumando persoas e entidades. Se botan a vista atrás, en APM ven moitos obradoiros, ensaios, reunións, rodaxes, presentacións…e sobre todo moitas aprendizaxes. Agora tratase de documentalo e mostralo, pero non a través dun informe, senón unha vez máis aproveitando a potencia do audiovisual.

“Necesitabamos unha parada para pensar. Necesitamos certo feedback para saber en que fomos avanzando e poñerlle palabras a moitas cousas”, indican Isabel e Iago.

Aínda que conseguiron sacar adiante este Reflexo da Tartaruga a pesar da pandemia, lamentan que lles faltou “ese ternos todos e debater en conxunto”. “Faltounos ese feedback do contacto directo, esa maxia, porque son proxectos de moita convivencia”, engaden.

E de onde lle vén o nome a este novo proxecto que supón un punto de inflexión? Segundo confesan, fala dunha “tartaruga que vai amodo pero chega, e que incluso non soamente chega, senón que deixa un reflexo”.

Dende a asociación insisten en que “as actuacións poden ser non profesionais. Pero a edición, a gravación, a realización…é absolutamente profesional. Non dedicamos nin menos esforzo, nin menos talento que calquera produción cinematográfica. Non vale un vídeo calquera”.

Slider image
Slider image
Slider image
Slider image
Slider image
Slider image
Slider image
Slider image

Organizan:

imaxe do logotipo do concello da coruña
imaxe do logotipo da fundación emalcsa
Colaboran:

imaxe do logotipo da fundación maría josé jove
imaxe do logotipo de vegalsa
Xestiona:

imaxe do logotipo de culturactiva